CRTVG

Buscar

Os taxistas de Madrid manteñen a folga indefinida

Publicado o 23/01/2019 20:27

Os taxistas de Madrid pasaron a noite nas inmediacións do IFEMA, onde se estaba preparando a feira de turismo Fitur. Coa chegada do día reforzaron a súa protesta, e chegaron a bloquear por momentos todas as entradas do recinto feiral, que aínda así, abriu con normalidade á hora prevista.
Outro grupo bloqueou os accesos desde a M-40, que estivo cortada nos dous sentidos en varios momentos da mañá. Aí foi onde se viviron as situacións máis tensas. Os taxistas enfrontáronse directamente á policía, e os axentes cargaron contra eles para reducilos. Once persoas resultaron feridas. Houbo ademais un taxista detido por resistencia á autoridade e desobediencia.

Xa pola tarde, a protesta estendeuse a outros puntos da cidade, que os taxistas bloquearon cos seus coches. O sector anuncia que seguirá en folga e facendo presión ata que haxa un acordo coa Comunidade de Madrid para regular as VTC. Un acordo que, din, ten que pasar necesariamente porque a Administración marque un tempo para precontratar ese tipo de servizo alternativo ao taxi.

Guillermo Marquina, voceiro de Élite Taxi: "A Administración non quere saber nada dese período, que polo menos debe ser dunha hora para poder precontratar un servizo de Uber ou Cabify, pero a Administración non o admite"

A Comunidade de Madrid di que está intentando buscar unha solución ao conflito pero asegura que non cederá á chantaxe dos taxistas.

Noticias web

23/01/2019