Un desprendemento de terra en Sarria causa danos persoais e materiais
Un veciño de Sarria, de 64 anos, quedou ferido na cabeza e nunha perna ao derrubarse un noiro duns doce metros de altura. O desprendemento de terra, pedras e árbores provocou danos en diversos vehículos e a piques estivo tamén de sepultar o home, que é o dono dunha empresa de transportes arrendataria de parte dos terreos afectados.
Marisa Vázquez, propietaria duns terreos afectados: "A xente que estaba aquí correu un gran perigo. De feito, o propietario da empresa de camións foi ferido e tivo que ir á residencia cunha perna moi lastimada e na cabeza, aínda que xa está na casa".
Rafael De Vega, encargado de Cespa en Sarria: "Levamos moito susto. Estabamos os tres aquí e había unha pa, e ao baixar o desprendemento de terra cada un correu para o seu lado pero o propietario dos camións non deu escapado e arrastrouno a terra ata aquí e logo había barro e sangue. O momento de apuro foi grande".
Entre as empresas afectadas polo desprendemento de toneladas de terra figura a concesionaria do servizo de recollida do lixo en Sarria. Un furgón da firma sufriu danos, ao igual ca varios remolques da compañía de transportes propiedade do home que resultou ferido.
Marisa Vázquez, propietaria duns terreos afectados: "A derruba foi moi aparatosa. Encheuse de terra e de maleza, polo que houbo que chamar a unha empresa para desentullar con pas e camións. Como se ve, aínda están traballando hoxe. Onte sacouse o máis importante e fíxose un lavado do terreo para que hoxe Cespa puidera sacar os seus camións, e hoxe estase acabando a limpeza".
Crese que a formación dunha bolsa de auga puido ser a causa do derrubamento.