CRTVG

Buscar

Un de cada seis españois sufrirá un ictus ao longo da súa vida

Publicado o 28/10/2018 21:51

O luns 29 de outubro celébrase o Día Mundial do Ictus, un accidente vascular cerebral que sofren ao ano 120.000 persoas en España, e que é a a primeira causa de morte das mulleres. As estatísticas detectan que os que o sofren son máis novos que hai dúas décadas, cando a maioría se daban en persoas de máis de sesenta anos. Un problema de saúde pero, ademais, unha loita titánica para recuperar a autonomía persoal.

O 75 % de todo o espectro do dano cerebral adquirido ocúpao o ictus, un accidente no sistema vascular do cerebro polo que morren en España ao ano 16.000 mulleres. Ano tras ano, no Día do Ictus lémbrannos a regra dos tres F para saber se o estamos sufrindo: fala, forza e faciana, e que un de cada seis españois sufrirá un accidente deste tipo ao longo da súa vida. O novo, o que está cambiando, é o seu público obxectivo.

"A idade media está descendendo. Antes falabamos de xente maior e agora falamos de xente adulta. Falamos de arredor dos 50 anos, o que empeza a ser unha poboación considerable".

Cando un adulto que tiña unha vida autónoma sofre e sobrevive a un ictus chega o momento en que é consciente de que a súa vida cambiou e tamén a da súa familia.

"Despois da alta hospitalaria comeza a travesía do deserto. As familias, porque non só lle pasa isto a unha persoa... séntese só, sen saber onde ir, sen saber que recursos ten, sen saber se se pode seguir recuperando ou non, e enfrontándose a unha vida diferente, a unha vida nova, unha vida que nunca pensou nin el nin a súa contorna".

Por iso, desde a Federación Española de Dano Cerebral Adquirido piden ás administracións unha rede de axuda na recuperación e integración dos superviventes máis aló dos coidadores na familia, que maiormente son coidadoras.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/10/2018