CRTVG

Buscar

Un crime cometido tras meses de "acoso total" á vítima

Publicado o 09/12/2019 13:38

O crime que se xulga desde hoxe en Vigo tivo lugar nesa cidade hai agora tres anos. Ana Enjamio, enxeñeira industrial de 25 anos, natural de Boqueixón e asentada en Vigo, regresaba ao seu domicilio na madrugada do 16 de decembro de 2016 despois de asistir á cea de Nadal da empresa en que traballaba. Nesa cea coincidiu co único acusado, César Adrio, de 38 anos, con quen mantivera unha relación que rematara meses atrás. A fiscalía sostén que Adrio esperou a moza no portal da súa casa e alí apuñalouna ata en 28 ocasións, ata matala.

O escrito da fiscalía mantén que Adrio sometera a Ana Enjamio a un acoso total desde que esta deu por finalizada a relación. Tras cometer o crime, engade, o acusado desfíxose da arma e do teléfono móbil da vítima. A policía interrogouno nun primeiro momento e el negou os feitos. Pero pouco despois tivo que ser atendido tras autolesionarse cunha arma branca. 24 horas despois do crime era detido e enviado á prisión da Lama, como suposto autor dos feitos.

O Ministerio Público solicita penas que suman 27 anos de cadea e unha indemnización de 450.000 euros para a familia da vítima. A Xunta de Galicia exerce a acusación popular ao tratarse dun caso de violencia machista e eleva a petición da pena a 33 anos de cadea.

Noticias web

09/12/2019