Un coruñés compuxo cancións de Eurovisión para cinco países
Un músico coruñés, Samuel Bugía, compuxo cancións para Eurovisión en cinco países. Con ningunha chegou á final internacional, pero si a finais ou semifinais nacionais. Agora traballa con artistas galegos porque quere abrirlle unha fiestra ao pop melódico na comunidade.
Samuel Bugía empezou a compoñer cancións de adolescente e desde aquela non deixou de facelo, malia que tamén traballa como docente. Con todo, non deu a coñecer a súa música ata hai nove anos. A primeira peza que fixo pública foi para unha intérprete de Malta, á que chegou a través das redes sociais.
"Ofrecinlle un tema a unha das cantantes máis coñecidas do país, e ofreceume a oportunidade de interpretalo. Presentámolo a un concurso alí e elixíronnos. Foi moi importante para o principio da miña carreira como músico. Desde entón fun dunha cantante noutra, dun país noutro", lembra Samuel.
Sempre a través de Internet, seguiu facendo contactos e compuxo cancións para os concursos nos que os países elixen representante para o festival de Eurovisión. Chegou a semifinais en varias ocasións.
"Estiven en Malta, en Chipre, Romanía, Moldavia e Lituania. É unha porta ao mundo enorme, unha forma de que coñeza a xente a túa música", explica.
Agora prefire centrarse en artistas galegos, como a ourensá Tamara Pérez, coa que toca os teclados no vídeo da súa última canción, 'Sinfonía de amor', composta por el.