CRTVG

Buscar

Un congreso en Santiago dá as claves para que os maiores de 45 atopen traballo

Publicado o 20/09/2019 15:35

Congreso Internacional Galicia/Norte de Portugal de Formación para o Traballo. Este ano céntrase nos maiores de 45 anos.

"A partir dos 45 anos xorden dificultades para se incorporar ao mundo laboral, manter o posto laboral que xa se ten ou mesmo promocionar", sinala Margot Valcarce, organizadora do Congreso.

"É case un insulto ao coñecemento e á experiencia", subliña un dos fundadores deste congreso.

Lembran que a produtividade dos traballadores non se mide pola idade, senón por outras variables. E insisten nun concepto: o 'idadismo'. Estúdano coma quen estuda un inimigo para descubrir como derrotalo.

"O 'idadismo' é un fenómeno que afecta á discriminación por razón de idade no acceso ao mundo do traballo", define Valcarce.

E conclúen con investigacións que este presente ensombrece a realidade laboral dos maiores.

"Imos atravesar un burato considerable debido a que os cambios tecnolóxicos na industria e no sector laboral van facer que haxa un aumento do paro a esas idades", prognostica Antonio Ramón Cárdenas, comunicante no congreso.

Algo estamos obrigados a facer xa para combater este fenómeno.

"Os maiores teñen futuro laboral se nós facemos algunha cousa por iso, e non nos limitamos a observar o que acontece", di António Leite, organizador do congreso en Portugal.

E Cárdenas fala das actuacións do seu grupo de investigación: "Nós o que tentamos é que dende idades moi temperás se vaia educando contra esta discriminación".

21 anos fai agora este congreso. Pero tanto ten a súa idade. Trátase, simplemente, de aprender algo del.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/09/2019