CRTVG

Buscar

Un congreso reúne en Santiago expertos en altas capacidades

Publicado o 14/09/2018 15:15

De hoxe ao domingo, un congreso reúne durante tres días expertos nacionais e internacionais en altas capacidades. Por que é importante este encontro.

As familias con pequenos e pequenas con altas capacidades reclaman visibilidade e atención específica para os seus cativos. Neste I Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades veñen escoitar os últimos avances neste ámbito educativo.

Esta mañá todos agardaban, por exemplo, o relatorio de Joseph Renzulli, que dende a universidade de Conneticut investiga como mellorar a aprendizaxe de xeito creativo, como potenciar o talento e aplicar novos modelos de organización nas escolas. Hai quen di que é un dos psicólogos máis influentes do mundo, unha voz que valoran especialmente os pais e nais cuxos fillos o pasaron moi mal ata que descubriron que o que lles pasaba é que eran... demasiado intelixentes.

María Jesús Monzón e Carmen Rodríguez teñen fillos adolescentes con altas capacidades. Unha vez detectada esta circunstancia, as cousas melloraron para os seus cativos.
O fillo de María Jesús ten 15 anos, e descubriron que tiña altas capacidades cando empezaron os problemas na escola, con oito anos.

Os dous fillos de Carmen Rodríguez tamén son de altas capacidades, un ten 14 e o outro 16 anos. Di que son moi distintos, e que o maior pasou unha etapa moi dura de neno: detectáronllo aos 11 anos. 

Poden sufrir acoso escolar e moitas veces hai diagnósticos errados. É común que se pense que teñen un trastorno de déficit de atención. Por iso, estas nais cren que este congreso é fundamental e reclaman máis visibilidade, pois cada caso é tan diferente como cada nena ou neno que ten altas capacidades.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2018