CRTVG

Buscar

Un condutor sae polo pé do coche tras voar case cen metros

Publicado o 13/01/2020 12:53
Un condutor sae polo pé do coche tras voar case cen metros

Imaxe cedida por Protección Civil de Valga


Accidente de película en Valga. Un condutor saíu polo seu pé do coche tras voar case cen metros, estragar varias viñas e peches perimetrais. 

Espetado entre unha viña e o peche perimetral dun terreo. Así quedou un turismo que saíu da vía en Valga cando circulaba pola estrada de Vilagarcía en dirección Pontecesures. "Incrible porque pasou por riba da viña e aterrou en dous sitios na terra, debeu facer trampolín, e logo saltou dúas viñas, a nosa e outra a continuación, e quedou colgado nun valo da seguinte horta", di Milagros, unha veciña deste lugar.

O sinistro foi o sábado contra as oito e media da tarde e aínda se pode ver o rastro nuns cen metros. O turismo, en que ía o condutor só, saíu da estrada pola leira de Milagros, estragoulle media viña e, tras rebotar no terreo, levantou o voo e acabou espetado na leira contigua onde desfixo a horta e outra viña. "Voou dous metros ou dous metros e pico. A verdade é que nunca vimos cousa igual pero vaia, os accidentes son así. Cando chegamos preguntei polo condutor imaxinando que estaba dentro de coche, pero saíra polo seu pé, estaba sentado consciente e orientado", explica José Manuel Otero, de Protección Civil de Valga.

O condutor, veciño de Valga, queixábase do ombreiro. Vistos os estragos, tivo moita sorte de poder contalo. "Iso amáñase. O peor é se lle pasa algo a unha persoa, ao condutor ou á xente que pasa a andar. Pola beirarrúa do outro lado viña xente andando e os coches que viñan de fronte tiveron que esquivar as pedras que saltaban e viron a morte aos ollos", di Milagros.

Os prexudicados esperaban hoxe a visita dos peritos do seguro para facer unha avaliación dos danos.