CRTVG

Buscar

Un condutor polaco queda encaixado co seu tráiler en Laza

Publicado o 13/02/2018 08:55

 

 

Un camioneiro polaco quedou atrancado co seu tráiler na estrada que une Cerdedelo con Toro, no concello de Laza. Seguía as indicacións do GPS cando se meteu pola vía de tan só tres metros de ancho e con curvas moi pechadas. Nunha delas quedou atorado e a piques de caer por un desnivel. A estrada permanecerá cortada ata que un guindastre de gran tonelaxe retire o vehículo.

Acaba de descargar material de aceiro para as obras do AVE que hai en Cerdedelo e quería regresar a Polonia pero no canto de desandar o camiño feito decidiu seguir as indicacións do GPS. O condutor deste trailer, de tan só 26 anos, circulou por esta estrada de alta montaña, con numerosas curvas, durante catro quilómetros.

Tirou as pedras de protección que había na estrada e quedou a tan só uns centímetros de caer polo desnivel. Foi o propio condutor o que alertou da súa situación ao ver que non era quen de seguir.
Operarios dun guindastre examinaban esta tarde o vehículo. Non comezarán a retiralo ata mañá. A estrada permanece cortada pero as dúas localidade, tanto Cerdedelo como Toro teñen acceso por outras vías. O condutor quedará a durmir no tráiler.
Dende Tráfico lembran que se deben planificar as rutas e non guiarse só polo GPS.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018