Un condutor bate e derruba parte do muro do colexio dos Salesianos en Ourense
Por seguridade, a zona do aparatoso sinistro viario está valada e os traballadores dunha empresa xa comezaron a retirar e asegurar as pedras do muro derrubado do colexio Salesianos. O suceso xerou moita expectación na céntrica rúa Sáenz Díez de Ourense. Pero, malia ao aparatoso do accidente, no momento en que o condutor perdeu o control do turismo e bateu violentamente contra as pedras do peche do colexio non había xente na rúa nin no patio do centro escolar.
Precisamente, a Policía Local investiga agora se o home puido sentirse indisposto antes de chocar contra o muro. Foi trasladado ao hospital con prognóstico reservado. Interviñeron os Bombeiros de Ourense e a Policía Local para axudar nos labores de rescate. Antes do brutal choque contra o muro, o condutor derrubou tamén o semáforo situado nese punto da rúa. Agora están asegurando o muro e o centro escolar vai recontruílo o antes posible.