CRTVG

Buscar

Un coche sae da estrada e tira un muro en Cerceda

Publicado o 30/09/2019 13:53

O aparatoso accidente ocorreu contra as 7 e media da mañá na estrada que une A Silva con Santa Comba, ao seu paso pola Abeleira, no concello de Cerceda. Por causas que se descoñecen, o vehículo saíu da vía e acabou envorcado nos xardíns dunha vivenda, tras levar por diante o muro e o peche.

"Sentin un golpe fortísimo. O primeiro que imaxinei como aquí hai unha empresa de construción é que fora un camión que colidira contra un dos pallotes que teñen aí. Levantei a persiana e xa vin o coche aqui envorcado. A reacción xa foi poñerme histérica, chamei os veciños para que viñesen, chamei o 112 e dicíanme que mirase se había xente dentro, pero o coche estaba tan esmagado que eu non podía ver, á parte de que estaba moi escuro. O primeiro que vin foi unha man, entón díxenlle eu non sei a xente que está dentro, pero unha man vese e movese, unha persoa viva debe estar", di Magdalena Mallo, propietaria da vivenda.

O condutor, un home duns 30 anos, veciño do concello de Tordoia e unico ocupante do vehículo, precisou da intervención dos bombeiros para ser liberado.

"Liberárono e media ahora ou asi levoulle, pero cando saíu eu pensei que ía velo peor. Mirárono na ambulancia e dixeron: en principio, salvo que teña unha lesión interna, a simple vista non se ve mal", di Magdalena Mallo, propietaria da vivenda.

O impacto foi tan forte que parte do muro da vivenda apareceu na casa lindeira.  

"Unha columna deste muro tiñámola que suxeitaba o portal e a parte de arriba apareceu onda aquel peche da veciña. Non sei cantos metros hai de aquí a alí, pero si, o impacto tivo que ser moi forte. Tirou a columna toda, o portal quedou desfeito. Non sei se foi por velocidade, se quedou durmido ou se lle deu algo, pero o impacto foi brutal, o ruído foi unha pasada", di Magdalena Mallo, propietaria da vivenda.

Este accidente é o punto e seguido da tráxica fin de semana vivida na estradas galegas, despois de que na madrugada do sábado un motorista morrese ao saír da vía na Nacional VI en Lugo e de que un mozo de 19 anos falecera noutro sinistro ocorrido en Ordes, en que os outros catro ocupantes do vehículo quedaron ferdos, dous deles graves.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019