Unha muller de 58 anos falece ao bater un coche contra unha cabina de peaxe
• O condutor e a traballadora da cabina, feridos
Ocorreu ás 11 e media da mañá. O coche accidentado circulaba en dirección á Coruña, cando chegou á cabina da peaxe na AP-9 F o condutor perdeu o control do vehículo que impactou contra o valado de protección dun dos carrís de entrada e envorcou.
"Un accidente dun coche que impactou na cabina da peaxe. Tivemos dous feridos, que resultou ser, finalmente, un falecemento. E a persoa ferida da caseta que, segundo temos entendido, está ben, en bo estado con mazaduras e xa está", di Pedro Vidal, xefe de equipo na Agrupación de Voluntarios de Bergondo.
Os bombeiros de Betanzos tiveron que liberar a vítima mortal mentres que os dous feridos, o condutor e a operaria da peaxe, foron trasladados ao hospital en ambulancia. A agrupación de Protección Civil de Bergondo, xunto co servizo de mantemento da autoestrada participaron nos traballos de limpeza, que se alongaron durante unhas horas.
"Desde a nosa chegada que debeu ser ás 11:50 h ata as 15:00 e pouco da tarde estivo cortado. Ao final foron dúas cabinas as afectadas", di Pedro Vidal, xefe de equipo na Agrupación de Voluntarios de Bergondo.
A Garda Civil de Tráfico investiga agora as causas do accidente.