CRTVG

Buscar

Un club de ciencia nun colexio de Oleiros onde fan un sistema solar a escala ou un forno solar

Publicado o 05/02/2018 21:50

Facer un sistema solar a escala, construír unha casa domótica ou un forno solar, son algúns dos proxectos que están a levar a cabo alumnos do Instituto María Casares de Oleiros. Estes traballos forman parte do que chamaron o 'club de ciencia' en que participan, fóra do horario lectivo, uns 50 rapaces en colaboración con 17 profesores do centro.

Estas rapazas de terceiro da ESO están a construír un forno solar. Aprenden a utilizar enerxía sustentable.

"Porque é máis ecolóxico, ademais o estamos a facer con materiais reciclados. E a idea é facer algo, un biscoito, cando haxa sol", di Andrea Villar.

Andrea e as súas compañeiras forman parte dos 48 alumnos ,de terceiro e cuarto da Eso e de bacharelato, que participan no club ciencia do Instituto María Casares de Oleiros. En colaboración con 17 profesores e en horario non lectivo, realizan os seus proxectos ceintíficos. Outro xeito de aprender e de ensinar desde principios de curso.

"Diferentes cousas de ciencia que poidan facer os rapaces. Hai diferentes actividades. Hai xente que está en robótica, outros están domotizando unha casa para optimizar recusrsos, outros agora mesmo están preparando o rally matemático ao que se van presentar... Diferentes cousas", di María Temes. 

"Paréceme bastante interesante, non é unha materia que deamos no institutoo nas horas lectivas, entón é un momento que podemos aprender sobre cousas fóra do instituto", sinala Aarón García.
Nestoutro obradoiro os alumnos están facendo un sistema solar a escala, que logo colgarán na entrada do centro.

"No club de astronomía decidimos facer un sistema solar a escala. Para facer os planetas utilizamos unha escala e para facer a distancia entre os planetas utilizamos outra", di Candela Aneiros.

É o primeiro ano que o centro leva a cabo esta iniciativa. Cando rematen os proxectos queren exhibilios no Día da Ciencia na Rúa e en Galiciencia. A intención dos profesores é que o club de ciencia se realice tamén o próximo curso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/02/2018