Un circo estremeño, atrapado en Monforte
Chegaron a Monforte a mediados da semana pasada procedentes de Monterroso, pero só puideron montar a carpa.
A prohibición de espectáculos con público e o confinamento deixounos se funcións e tamén sen ingresos.
"Nun principio díxonos a policía que tiñamos que marchar ao noso lugar de orixe, e loxicamente dixémoslles que nin queriamos marchar nin tiñamos recursos para poder mover todo isto seiscentos quilómetros".
Do circo Nevada dependen catro familias, 14 persoas en total, tres delas menores de idade.
Nunca se viran noutra xira igual. En Asturias, a lama case traga unha das súas caravanas e en Ribadeo o vento rompeulles a carpa.
"Porque vimos arrastrando unha mala racha desde antes de Nadal cando comezaron as treboadas. E entón foise xuntando unha cousa con outra ata que chegou o remate total".
Agora sobreviven coa axuda de Cáritas e a solidariedade dos veciños. Esta mañá un panadeiro deixáballes bolos para almorzar, que comeron lembrando os tempos nos que podían traballar con animais.
"A alegría do circo sempre foron os animais, obvio, e máis para os que sempre fomos domadores. A nosa solución eran os nosos animais".
Sen outra opción, deberán esperar a que se levante o confinamento pola pandemia para regresar ao seu pobo, Talayuela, no nordeste estremeño.