CRTVG

Buscar

Un científico galego defende vacinar primeiro os mozos e traballadores esenciais

Publicado o 26/11/2020 14:59

Mentres chegan as vacinas, segue aberto o debate sobre como subministralas. A estratexia prioriza, practicamente en toda Europa, os grupos máis vulnerables. Pero hai debate porque algúns expertos cren que non é o máis eficaz. Que pasaría se vacinamos primeiro os máis novos e os traballadores esenciais, que son os que máis interactúan con outras persoas? Un enxeñeiro galego defende este criterio.

Jorge Rodríguez creou un modelo matemático e fixo centos de combinacións cos datos de poboación.

"E resulta sempre moi favorable se vacinamos primeiro ás persoas que teñan máis interaccións. Non importa a idade que teñan".

No traballo que dirixe na Universidade Khalifa de Abu Dhabi, este galego suxire inmunizar primeiro os que teñan máis contactos con outras persoas. Xente nova e traballadores esenciais. E chama á reflexión, consciente de que o primeiro impulso é protexer os máis débiles.

"Doulle a vacina a unha persoa maior ou a un caixeiro ou caixeira do supermercado?", pregunta Jorge Rodríguez, "que sucede? que este señor maior vai mercar o pan todos os días ao supermercado, a miña avoa e outras moitas persoas maiores... todos poden estar en contacto coa caixeira ou este caixeiro".

Unha estratexia acertada pode salvar milleiros de vidas. O bioquímico Santiago Grisolía, teno claro: "Eu poreina coma todo o mundo, pero sen desexos de ser o primeiro. Calquera tempo será bo".

Crítico coa xestión da pandemia por parte do Goberno e das comunidades autónomas: "Mal, moi mal. Porque non declaran a verdade. A verdade é que hai moita xente enferma e moita xente morta".

Este prestixioso científico valeciano pide máis claridade nos datos.

Noticias web

26/11/2020