CRTVG

Buscar

Un cento de persoas piden en Ourense a dimisión do conselleiro de Medio Rural

Publicado o 17/09/2020 22:41
Un cento de persoas piden en Ourense a dimisión do conselleiro de Medio Rural

Un cento de persoas concentráronse este xoves diante da delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense en protesta pola vaga de incendios que deixou máis de 7.500 hectáreas calcinadas en Galicia e para pedir un cambio na política agroforestal da comunidade.

Durante a concentración, convocada pola asociación Comité de Defensa do Monte Galego e celebrada baixo un intenso chuvieiro, os manifestantes reclamaron "a dimisión" do máximo responsable do departamento, o conselleiro de Medio Rural, José González, tras criticar "o caos" na xestión dos incendios forestais baixo o lema de "Incendios nunca máis".

Acto seguido, representantes do comité procederon á lectura dun manifesto no que pediron "a revisión da política forestal" e poñer en marcha un plan que conte "co consenso" de todos os axentes ambientais.

En primeiro lugar, o comité demanda que se dote á Fiscalía "de medios humanos e económicos" que permitan mellorar a investigación dos incendios, unha tarefa que pasa, argumentaron, por "a perfecta coordinación" entre as forzas e corpos de seguridade e os traballadores forestais. Así mesmo, pediu "transparencia" no acceso á información por parte da cidadanía, así como o emprego de medios técnicos como satélites para poder obter "datos reais" tanto do número de incendios como da superficie queimada.

Doutra banda, reclamou "un mando único" que posibilite coordinar todos os labores de extinción xunto cunha maior "ordenación do territorio" e mobilización das terras a fin de evitar proliferación de especies como eucaliptos.

Este acto prodúcese despois de que no día de onte preto dunha vintena de entidades sociais, agrarias, ecoloxistas e sindicais pedisen a "dimisión inmediata" do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e "un cambio radical" nas políticas da Xunta despois da "catástrofe incendiaria" sufrida na provincia de Ourense, con miles de hectáreas queimadas en espazos protexidos como o Xurés ou o Macizo central.