CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Un cento de nenos amosan a súa visión de Vilagarcía no taller 'A vila do mañá'

Publicado o 07/08/2018 14:26

Un cento de nenos de entre 3 e 12 anos participan durante esta semana en Vilagarcía nos talleres da Vila do Mañá. Trátase dun proxecto que pretende descubrir dunha forma lúdica a visión que teñen os máis pequenos das cidades en que viven e introducir ideas para modificalas.

O proxecto parte dunha idea de cidade en que os coches desprazaron as persoas. As cintas na antiga praza da peixería de Vilagarcía simbolizan obstáculos urbanos.

Os nenos exploran o lado lúdico, fano seu, e mañá invadirán unha rúa da vila para crear o seu propio espazo de ocio.

"O primeiro que facemos é ver a visión que teñen eles da súa vila. Pedimos que nos debuxaran os elementos importantes de Vilagarcía e varios pintaron o McDonalds. Dixeron que é moi importante para os nenos", conta Sandra González, creadora do proxecto.

Nestes talleres debuxan e saen á rúa para "enmarcar" os seus lugares. Son formas de sinalar o que é importante para eles...

"Para min, o parque", di unha nena.

Prazas, espazos abertos, campos de fútbol... Son os lugares que habitan. O proxecto reflexiona sobre o urbanismo, arquitectura e o lugar en que medran os máis pequenos.

"Eles viven unha caixa pechada, desprázanse nunha caixa máis pequena que é o coche e chegan a unha caixa máis grande que é o centro comercial, o colexio ou o polideportivo", afirma Sandra González.

'A vila do mañá' leva desde 2016 tirando conclusións en moitas vilas galegas vistas con ollos infantís.