Un cento de camións instálanse no lago das Pontes como protesta dos transportistas do carbón
A central térmica das Pontes segue sendo o centro dos desvelos dos camioneiros na comarca. Por iso hoxe retomaron unhas protestas que tiveran que frear coa chegada do coronavirus. Por iso, e porque non ven cumpridas as promesas que lles fixeran no Ministerio de Transición Ecolóxica tras a reunión celebrada con representantes da Xunta, do Concello das Pontes e transportistas. Tal e como explica o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, Manuel Bouza, nesa reunión anunciáronlles noticias en dúas semanas, pero pasaron dous meses e non os volveron chamar.
Un cento de camións instalado ao carón do lago que noutrora foi a mina de lignito que fornecía a central térmica. Cando se esgotou esta mina, os camións eran os que subministraban o carbón dende o peirao de Ferrol. Mantense o contrato entre empresa e transportistas, pero os ventos agora non sopran a favor, a central non xera traballo. De 150 camións dedicados á produción, 20 xa tiveron de retirarse.
Os camioneiros ven estragado o seu sustento, e sen tempo de amortizar os investimentos que lles esixiran realizar na frota hai un ano e medio para resultar máis rendibles e menos contaminantes. Manuel Bouza explica que necesitan que lles aclaren o futuro, porque non é sinxelo atopar novo destino para esta frota de camións. Se esta semana non reciben noticias "imos ser moi duros", advirte.
Os camións van ocupar o acceso ao lago das Pontes ata o luns. Para despois, anuncian máis mobilizacións.