CRTVG

Buscar

Un cazador de Oroso sofre un ataque de 'velutinas' tras pisar un niño

Publicado o 21/10/2019 14:20

Manuel é veciño de Oroso e aos seus 69 anos tivo hai nove días unha percance moi grave coas avésporas asiáticas. Seguindo os cans nun paseo previo ao comezo da temporada do coello, este cazador meteuse no monte e pisou un niño de velutinas que estaba agochado. As avésporas saltaron nel.

Manuel Bermúdez, que sufriu o ataque das avésporas asiáticas explica: "Baixei á pista. Tiña a chaqueta chea de avésporas que estan cravadas en min...".

Di que a gorra que levaba impediu moitas picaduras na cabeza, pero aínda así no se librou doutras polos lados, na cara e tamén nos brazos. Manuel lembra o apoio que lle deron os seus cans Toni, Lila e Chispa ata que o descubriu un compañeiro no camiño e sen capacidade para erguerse. Foi quen o levou á casa.

"Estaba aquí deitado no chan e sinto os cans do meu lado, lambéndome as mans, pasándome o morro... Eles viron que algo malo me pasaba, que aquelo non era normal. Estaban impacientes. Vamos, que se morro aquí, aínda que pasen días, estarían ao meu lado".

A súa muller non dubidou en pedir axuda urxente, que chegou nun helicóptero do 061. Di que velo con convulsións foi un susto moi grande, acrecentado coas dificultades para a aterraxe do aparello.

Elisa Martínez, esposa de Manuel, conta que "ver entrar o médico pola habitación para min xa foi Deus. Empezaron a medicar nel, aínda empregaron bastante tempo. Cando marcharon con el no helicóptero xa respirei, pero nese intre pensei que se ía".

Manuel estivo ingresado unha noite. Polo que nos conta, a súa primeira estancia nun hospital despois tamén da súa primeira viaxe en helicóptero, aínda que non moi consciente da experiencia pola acción das velutinas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019