CRTVG

Buscar

Un cazador ameaza de morte un biólogo que defende a presenza do lobo no monte

Publicado o 11/08/2021 14:44

"Que veña Deus e a Virxe aquí e que rece para que non asome o fociño por aí porque vai levar máis chumbo que María santísima, tanto o lobo como o paisano que anda por aquí patrullando, e poñendo cámaras e botándolles atrainte en gran, e toda esa historia. Espero que che chegue este vídeo se tes algún amigo cando tomes o café aí na Lareira, que non te despistes cando andes aló polo Xistral no Toyota Land Cruiser que tes de tres portas, branco cun adhesivo dun xabaril detrás de vinilo".

Estas ameazas van dirixidas a un dos biólogos que se encargou de facer o censo do lobo no norte de Galicia. Ao parecer este cazador de Viveiro xa publicou fotografías do vehículo do ameazado e mantivo algún encontro con el no monte.

"No camiño xa nos atoparemos ti mais eu. Sexas ti ou os outros dous compañeiros cos que andas ti no coche. A min irame ao peto, impórtame tres collóns, que mentres haxa un peso no banco pago o que sexa pero ti, me cago na Virxe, e polas cinzas de miña nai que vas saír escouceado de aquí".

Ensina unha cadela de tres anos, morta, segundo el, vítima do lobo en vinte minutos que desapareceu.

"Como te vexa aquí na miña zona non vou mirar para atrás amigo. Pódelo tomar como unha ameaza, como un aviso ou como unha información, como queiras ti. De feito, acabo de chamar a un colega a ver se estabas pola zona, para botar todo isto nun saco e botarcho na mesa onde tomas o café".

O biólogo publicou recentemente un estudo no que afirma que o norte de Lugo é unha das zonas con máis densidade de lobo con 22 grupos reprodutores nuns tres mil quilómetros cadrados.

Noticias web

11/08/2021