CRTVG

Buscar

Un catedrático da UVigo fala do aforro enerxético no Parlamento Europeo

Publicado o 21/02/2016 19:00

Xavier Labandeira debateu, en Bruxelas, co Comisario Europeo de Acción Climática e con profesionais internacionais do sector 

Cambiar hábitos no consumo e optimizar os investimentos en enerxía, axudaría a reducir as emisións contaminantes que afectan ao cambio climático. É importante lograr a eficiencia enerxética no ámbito doméstico, pero, tamén, globalmente. Para falar das mellores políticas mediambientais e das emisións, estivo no Parlamento Europeo un catedrático da Universidade de Vigo.

Xavier Labandeira debateu, en Bruxelas, co Comisario Europeo de Acción Climática e con profesionais internacionais do sector enerxético, o mellor xeito de reducir as emisións contaminantes que proveñen da enerxía. O catedrático galego entende que, para protexer o medio ambiente co menor custo económico posible, é básico modificar os hábitos de consumo enerxético, no ámbito doméstico e no ámbito global, e tamén, optimizar os investimentos.

"Ti podes camiñar máis. Ti podes, digamos, usar a bicicleta, podes buscar unha vivenda próxima ao teu traballo. Podes facer iso ou podes, digamos, buscar un coche, se é que precisas un coche, máis eficiente. Un coche eléctrico ou un coche híbrido ou usar o transporte público. Hai hábitos e investimentos, sempre." dicía Labandeira en Bruxelas.

Usar a bicicleta, coller menos o coche e camiñar máis, ou ter na casa, por exemplo, electrodomésticos, iluminación ou calefacción eficientes enerxeticamente falando, reduce a factura do consumo e o uso de enerxía. Ao haber menos gasto enerxético, hai tamén menor necesidade de produción e, en definitiva, é mellor para o medio ambiente. Pequenos xestos na casa, na vida cotiá, optimizan os recursos, económicos e ambientais. Iso, extrapolado aos Estados e ás políticas globais, axudaría a reducir as emisións contaminantes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2016