Un can ten atemorizados os veciños de Penarrubia, en Baralla
A estaca na porta desta vivenda de Penarrubia, en Baralla, é para defenderse dun can que anda solto polo lugar. Os veciños din que o animal xa os atacou en máis dunha ocasión e que supón un risco andar por fóra das casas porque o can pode aparecer en calquera momento. O último incidente produciuse esta mesma mañá, cando o animal se encarou cun veciño que lles ía dar de comer aos porcos.
"Esta mañá botouse a min cando ía darlles de comer aos porcos. Conseguín escorrentalo".
"A min xa me acometeu en tres ocasións. Unha delas de noite, na porta da casa, cando ía cun veciño". "Case non podemos andar por fóra porque é un perigo. Aquí veñen as familias nas fins de semana e teñen que andar con moita precaución". "Eu quedei soa e non podo nin saír da casa para ir onda a veciña".
Os veciños xa presentaron denuncia ante a Garda Civil para que se tomen as medidas oportunas e que o can deixe de ser un perigo. Axentes do Seprona desprazáronse esta mañá ao lugar e recolleron información sobre o animal. Trátase dun exemplar híbrido de gran tamaño que pertence ás ocupantes desta vivenda, unha parella que leva arredor dun ano residindo no lugar e que non quixo atender a Televisión de Galicia. Os veciños din que xa tentaron razoar coas donas, pero sen ningún resultado.
"Unha delas di que o can non ve, pero eu creo que ve de máis. Xa lles chamei atención dúas veces e non fan nin caso". "Elas non nos escoitan. Non fan caso. Non queriamos chegar a isto, pero non queda outra".
Os veciños insisten en que o animal podería tiralos ao chan porque case todos son ou de idade moi avanzada ou con mobilidade reducida. Din que non teñen ningún outro problema coas propietarias do can e piden unha solución para recuperar a convivencia.