CRTVG

Buscar

Un can deixa feridas graves na cara unha veciña de Ribadeo

Publicado o 18/04/2019 20:01

Unha veciña de Ribadeo resultou trabada por un can, que lle provocou importantes feridas na cara polo que tivo que ser hospitalizada. O ataque produciuse no concello asturiano de Vegadeo, onde a muller realiza traballos de asistencia social. A Garda Civil xa investiga o acontecido para dar co propietario do animal.

Unha veciña deste lugar de Casas Novas, en Ribadeo, duns 50 anos de idade resultou ferida grave logo de ser atacada por un can. O suceso produciuse no lindeiro concello asturiano de Vegadeo, no lugar de Meredo. A ferida acudira a un dos domicilios que atende polo seu traballo como asistenta social cando o can se botou a ela. As trabadas do animal causáronlle feridas moi graves na cara polo que tivo que ser trasladada ao hospital de Oviedo para practicarlle cirurxía facial.

A muller atópase moi afectada tabto a nivel físico como psicolóxico polo acontecido. Algúns veciños aseguran que, con todo, aínda tivo sorte porque o can podería terlle mordido o pescozo e desgarrarlle as veas. Aínda que polo momento non se presentou denuncia polo suceso, a Garda Civil está a investigar o acontecido para determinar en que situación estaba o can, se había advertencias da súa perigosidade e, sobre todo, quen é o seu propietario.

 

Noticias web

18/04/2019