CRTVG

Buscar

Un camión que transportaba mil pavos envorca na estrada entre Ourense e Monforte

Publicado o 12/10/2018 23:04

Un camión que transportaba mil pavos vivos envorcou na estrada entre Ourense e Monforte. Ao chofer levárono ao hospital, pero non está grave. Boa parte dos animais faleceron por causa do impacto e moitos outros quedaron mancados. Tamén houbo que cortar o tráfico en momentos puntuais. Os guindastres aínda están a traballar arestora para retirar o camión.

A Garda Civil de Tráfico investiga as causas polas que se produciu este accidente na estrada nacional 120 entre Ourense e Monforte á altura da Guítara, en Pantón. O sinistro ocorreu ás 5 da madrugada. O camión accedeu á estrada dende unha vía secundaria e xa nese momento se descontrolou. Esmagou un dos valos protectores e rematou envorcado no medio da estrada. Malia o golpe, as caixas nas que se transportaban 1.000 pavos vivos non sairon despedidas do remolque do camión. Aínda que o accidente foi moi aparatoso, o condutor non quedou ferido de gravidade, segundo comunicou a Garda Civil. Aínda así, foi trasladado en ambulancia ao hospital de Monforte como medida de precaución.

Peor sorte correron os animais que transportaba. Boa parte deles faleceron e moitos quedaron mancados. Un veterinario desprazouse ata o lugar para facer avaliación dos danos sufridos pola carga de pavos.

O accidente produciuse nunha zona en que se suceden as curvas e que ten abondoso tráfico. As primeiras hipóteses apuntan a que o condutor puido quedar durmido ao volante e por eso perdeu o control do camión. Ata a zona desprazáronse tres patrullas da Garda Civil de Tráfico que regularon a circulación da zona mentres os operarios dos guindastres e de conservación de estradas traballaban para despexar a vía. O sinistro ralentizou o tráfico pero a estrada só tivo que cortarse durante momentos puntuais.

Na evacuación do vehículo tiveron que traballar dous guindastres de grandes dimensións e unha carretilla elevadora.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2018