Un camión musical percorre as aldeas de Coles no día do San Roque
Para evitar aglomeracións en plena pandemia, a comisión de festas de San Eusebio de Coles decidiu sorprender os veciños cunha curiosa iniciativa: levar a música de aldea en aldea a bordo dun camión.
Día do San Roque na parroquia de San Eusebio de Coles. Non hai orquestra nin atraccións no campo da festa, pero a música viaxa ata as aldeas. E os veciños, non se fixeron de rogar.
"Sabía que ía acontecer algo, pero non sabía o que e levei unha gran sorpresa". "Moito mellor, porque xente maior que non ía ir ao campo, está aquí", comentan dúas veciñas.
Unha festa sorpresa, para os veciños, e con efectos terapéuticos tras un ano longo de pandemia.
"Xa hai moito tempo, moito moito, que non vou a unha festa nin bailo, cunha depresión moi grande, hoxe saio. Parece que revivo", di unha veciña.
Tamén os máis novos gozaron dunha tarde distinta e dunha festa de pobo atípica, con picadiscos e animador.
"Moi ben, as primeiras festas que o pasamos ben", celebran dúas mozas.
A idea saíu da comisión de festas, que quería sorprender os veciños e animalos un pouco sen correr riscos.
Ubaldo Iglesias, presidente da comisión de festas: "Non aglomerar a xente no campo, xa que vén moita xente gozar delas, e coa pandemia ocorréusenos facer isto".
"Emociónome un pouco, ao ver gozar toda esta xente coa que estou a diario", cóntanos o animador da festa.
A festa continúa co solpor polas aldeas de San Eusebio e co repertorio habitual de calquera verbena.