CRTVG

Buscar

Falece tras colidir o seu coche contra un camión en Pontevedra

Publicado o 25/03/2019 20:34

Así de desfeito quedou o coche que conducía, como única ocupante, a muller de 41 anos falecida. Era natural de Caldas de Reis. Case todo o impacto do choque frontal foi do lado do volante, o que quedou encaixado debaixo do camión co que colidiu. O sinistro produciuse á unha e media, no quilómetro 112,9 da N-550, a que une Caldas e Pontevedra. A estrada estivo cortada durante case unha hora, pero ata as catro a circulación non se normalizou e tivo que ser regulada pola Garda Civil.

A muller circulaba en subida polo dobre carril e facíao adiantando a outro coche, pola vía da esquerda. Deu un volantazo brusco por causas descoñecidas e invadiu o carril polo que baixaba o camión ríxido, sen carga no seu interior. O condutor do camión, que foi trasladado a Montecelo con feridas leves, díxolle á Garda Civil que viu como o coche se lle viña encima pero que non puido evitar a colisión. Deu negativo na proba de alcol e drogas practicada no hospital.

A Asociación de Veciños O Chedeiro, de Cerponzóns, en declaracións á Televisión de Galicia lamenta que de novo se producise un accidente mortal nese tramo negro da estrada.

Xornada de accidentes nas estradas galegas

Esta mañá houbo varios accidentes de tráfico de consideración. En Santa Comba, o condutor dun camión que ía cargado de madeira perdeu o control do vehículo e acabou envorcando enriba dunha camioneta. O sinistro aconteceu na estrada entre Santa Comba e Zas, no quilómetro 3, situado no lugar da Ponte. Ao lugar do suceso foi un helicóptero medicalizado que trasladou o condutor da pick up ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

En Santiago, un coche envorcou na autovía da Lavacolla, pouco despois da saída do aeroporto, en dirección ao centro da cidade. Neste caso houbo unha persoa ferida, que foi trasladada en ambulancia ao hospital La Rosaleda.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019