Un camión envorca en Guitiriz tras saír da A-6 e caer por un terraplén
O accidente tivo lugar no quilómetro 527 da A-6, en sentido á Coruña, á altura de Guitiriz. Por causas que se descoñecen, o vehículo saíu da vía, foise por un terraplén e finalmente acabou envorcando. Unha vez alertado, o 112 mobilizou efectivos de emerxencias sanitarias, da Garda Civil e de Protección Civil.
"A min chamáronme do 112 sobre as seis menos vinte da tarde avisándome de que un camión saíra da A-6. Ao dicirme do punto quilométrico, viñen por un túnel que pasa por debaixo da autovía e xa estaban aquí á beira os compañeiros de Tráfico, do 061 e de estradas. O condutor xa saíra por si mesmo. Pegaba moito o sol de fronte, polo que puido ser un despiste ou que lle daría o sol. Iso saberao o propio condutor, claro", di Jesús Fonte, de protección Civil de Guitiriz.
O camión transportaba envases de cervexas. Está pendente agora de ser retirado, uns traballos para os que posiblemente sexan precisos varios guindastres. "É algo complicado. O camión está cargado ao parecer de botellas que ían dirixidas á fábrica de Estrella Galicia para seren reenchidas, así que o perito dirá se hai que sacar todas as botellas antes de levantar o camión ou se se pode levantar así. E creo que van vir dou guindastres para poder levantalo".
Aínda que saíu polo seu propio pé do camión, o condutor foi trasladado nunha ambulancia do 061 ao HULA.