Un camiño de pouco máis dun metro é o único servizo de acceso que teñen uns veciños de Serres, en Muros
Os veciños dunha aldea de Serres, en Muros, din que levan dende o ano 1994 practicamente incomunicados. Aseguran que non chegan os servizos de emerxencias nin outro vehículo do lugar. Levan anos de peticións ao Concello que, afirman, non lles fai caso por ser un número moi pequeno de afectados.
Son tres casas fundamentalmente as que quedaron sen a ponte que comunicaba a aldea coa vila de Muros nunha riada hai case 30 anos. Dende aquela só poden chegar á casa por este estreito camiño de cemento de algo máis dun metro. As ambulancias non chegan á aldea. E sendo persoas maiores, case todos os problemas aumentan.
Pedro Formoso, afectado: "Para o acceso as casas por riba temos este camiño de cemento e por abaixo está totalmente inaccesible, había antigamente un camiño de pé pero está inservible, non hai camiño xa. Aquí non entran os coches non entra unha ambulancia para sacar un enfermo, se hai que sacar un enfermo temos que sacalo en carretilla como pasou máis dunha vez. Antigamente cando se velaban os defuntos nas casas había que sacalos polas hortas porque non había un acceso como Deus manda".
Aseguran que mentres se fan obras de melloras noutras zonas aquí seguen igual que hai 40 anos. Negociaron con varios veciños para poder abrir un camiño que lles dese servizo. Son uns 100 metros a distancia que hai ata a estrada que leva a Santa Comba, pero non todos venden. Os afectados din que por riba diso están sen saneamento e os sumidoiros van directos ao río.
Pedro Formoso, afectado: "Aquí pasaron alcaldes de todas as cores e sempre que hai un novo imos onda el a pedir un camiño decente para as casas e sempre con negativas ou impedimentos".
Aseguran que durante anos acudiron ao Concello e mesmo ao Valedor do Pobo, sen recibir nin solución, nin compromiso destas institucións.