CRTVG

Buscar

Un cable do teléfono atravesa unha casa en construción en Noia

Publicado o 14/03/2019 14:45

Pareceralles surrealista, ata cómico, pero non o é: un cable do tendido telefónico atravesa unha vivenda en construción en Noia. Os propietarios inciaron a obra co compromiso verbal de Telefónica de desviar o tendido, pero a día de hoxe aínda non o moveron.

Apremados polos prazos do proxecto foron avanzando a construción co cable polo medio, pero agora levan tempo en punto morto coa obra parada. A parella di que se sente impotente porque teñen un fillo pequeno, están pagando un alugueiro e a ilusión das súas vidas está nas mans dunha compañía que non cumpre a súa palabra.

A imaxe fala por si mesma. Podería ser un soño surrealista de Buñuel, pero non é ficción, e converteuse no pesadelo dunha parella de Noia que intenta facer realidade o seu soño: o de ter a súa casa. O cable foi primeiro. Atravesaba o terreo. Solicitáronlle a telefónica que o retirara cando obtiveron a licenza, pero todo quedou nun compromiso verbal.

Apremados polos prazos do proxecto e o deterioro dos materiais, o construtor foi avanzando a obra e optou por esta solución salomónica, pero agora están en punto morto. Non poden avanzar máis mentres non retiren o cable. Digna e o seu home din sentirse impotentes.

O Concello de Noia tamén intentou mediar para lograr unha solución, pero polo momento desde Telefónica non moveron ficha. Digna e o seu home desbotan polo momento a vía xudicial porque dilataría máis o proceso e aumentaría o custo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019