Un cabalo desbocado puido ser a causa pola que emborcou o carro que matou a un home en Vimianzo
Un home de Vimianzo, na Costa da Morte, faleceu despois de caer do carro de cabalos en que viaxaba. As primeiras hipóteses apuntan a que un dos animais se desbocou provocando que perdera o control do vehículo ata envorcar nunha curva.
Os veciños da parroquia de Carnés observan con estupor os restos do acontecido o domingo. Eran arredor das oito da tarde cando un home de 72 anos sufría un accidente mentres circulaba por esta estrada, ao perder o control do seu carro de cabalos.
Un veciño que circulaba a pouca distancia deu o aviso ao 112, e ata o lugar desprazábanse os servizos de urxencias sanitarias. O home foi trasladado despois ata un hospital da Coruña, inconsciente pola gravidade dos golpes que sufrira na cabeza coa caída, e alí faleceu poucas horas despois. O suceso xerou unha gran conmoción entre os veciños, xa que segundo aseguran, tratábase dunha persoa moi coñecida no lugar.
Aseguran que adoitaba usar ese medio de transporte para levar a cabo desprazamentos curtos, dada a súa afección aos cabalos.