CRTVG

Buscar

Un bombeiro morto en Málaga, que segue en alerta vermella pola chuvia

Publicado o 21/10/2018 15:44

 

 

Madrugada moi complicada na provincia de Málaga pola tromba de auga que descargou con toda a forza especialmente nos municipios de Teba e Campiño, con centenares de persoas evacuadas, vías cortadas e unha vítima mortal.

Trátase dun bombeiro do cuartel de Antequera que arrastrou a corrente durante a madrugada ao envorcar o camión en que ía. Formaba parte do operativo de rescate da intensa chuvia.

Noite de inundacións e de rescates na provincia de Málaga. Os municipios de Campillos, Teba, Bobadilla e Ardales levaron a peor parte da alerta vermella que deixou rexistros históricos e unha vítima mortal. O bombeiro desaparecido na madrugada durante os labores de rescate en Campillos foi atopado morto esta mañá.

O camión en que viaxaba sufriu un accidente. Os compañeiros tentaron subir ao teito do vehículo cando a vítima perdeu agarre e foi arrastrado pola corrente. Trátase dun bombeiro veterano do cuartel de Antequera.

"Lamento comunicar que o compañeiro bombeiro do Consorcio provincial da Deputación, do parque de Antequera, apareceu hai un anaco falecido, localizado por compañeiros do propio Consorcio. Polo tanto, é un día realmente triste para toda a provincia de Málaga e para os bombeiros desta Deputación".

A chuvia non deu tregua durante a madrugada no norte da provincia de Málaga, mobilizando a todos os efectivos dispoñibles locais e provinciais. E coa colaboración dos veciños con maquinaria pesada ou lanchas pneumáticas. Campillos sufriu inundacións graves que desprazaron vehículos e anegaron casas, varias familias tiveron que ser evacuadas e durmiron no posto de mando avanzado da Garda Civil.

En Teba, a situación é igual de complexa. O rexedor municipal daba conta de que tiñan todas as vías de comunicación cortadas, de coches desprazados pola auga e de rúas convertidas en fervenzas. Estímase que máis de trescentas persoas non puideron regresar ás súas casas E en Bobadilla, que está incomunicada, as familias que tiveron que saír das súas casas foron evacuadas á estación do tren, onde pasaron a noite.

O tráfico por estrada está afectado, con estradas cortadas e tamén o ferroviario con catro liñas de media distancia interrompidas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2018