CRTVG

Buscar

Un boi galego de raza montbéliarde cébase en Chantada a base de pasto e trigo

Publicado o 03/04/2019 14:03

Carolus, de catro anos e máis de 1.200 quilos de peso, é o primeiro exemplar de raza montbéliarde criado ao abeiro da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia. O animal, pertencente a unha explotación da parroquia chantadina de Vilaúxe, aliméntase exclusivamente a base de pasto e de trigo hidratado. A súa crianza forma parte dun proxecto experimental do Centro Tecnolóxico da Carne, que busca recuperar os métodos tradicionais de ceba e reducir a pegada ecolóxica do gando.

José Luís Cortiñas, gandeiro: "A alimentación do boi durante os catro primeiros anos da súa vida foi o pasto. E durante o período invernal, herba seca e un quilo de trigo diario. Dende que empezamos a ceba, regúlaselle a cantidade de pasto para que chegue aos cinco quilos de trigo que está agora consumindo ao día".

A elección para este proxecto da raza montbéliarde, procedente do Franco Condado, baséase en varios factores. É unha variedade que infiltra moi ben a graxa na carne, e por outra parte pódese criar integramente ao aire libre. De feito, o seu dono sinala que nunca precisou antibióticos.

José Luís Cortiñas, gandeiro: "A particularidade desta raza, que nos últimos cinco anos comeza a verse nas granxas galegas, é que funciona moi ben en pastoreo na produción de leite e que ten unha produción cárnica moi interesante".

Ao boi aínda lle falta medio ano para adquirir as condicións axeitadas para o seu aproveitamento e para a análise das calidades da súa carne.

Noticias web

03/04/2019