CRTVG

Buscar

Un bebé ingresado en Pontevedra e alerta nos portos de Vigo e Marín

Publicado o 04/09/2020 20:52
Os portos de Marín e Vigo, en alerta

O portacontedores chegou de Alxeciras a Vigo o pasado sábado e alí desembarcou o paciente cero, que deu positivo en Covid-19. O domingo seguiu ruta a Marín, onde desestibou a carga. Dende entón, os seus 11 tripulantes están a bordo do buque gardando corentena. Os estibadores que participaron na descarga piden que se lles fagan PCR. A pouca información que trascendeu despertou a preocupación entre usuarios e veciños do porto de Marín.

Tamén hai preocupación en Vigo. A cafetería do porto permanece pechada dende o sábado. Sábese que unha das empegadas deu positivo en coronavirus. A área sanitaria non informou se algún dos compañeiros deron positivo ou se simplemente están gardando a corentena preventiva. En calquera caso, por esta cafetería pasan as tripulacións dos barcos, importadores e exportadores e os distribuidores que participan nas poxas diarias de peixe e que logo o levan ás nosas lonxas.

A área sanitaria de Vigo rexistra este venres 327 casos activos de Covid-19. Son 32 máis ca onte. O gromo máis importante do que temos noticia é o xerado por dúas festas de mozos en Vigo e Nigrán. A estas alturas acumula xa 23 positivos.

E en Pontevedra hai ingresado un bebé de só un mes infectado por coronavirus. É a primeira vez que ingresa un menor por esta causa nesta área sanitaria. O seu estado non é grave, pero os equipos médicos seguen a súa evolución moi de preto e mantéñeno nunha zona illada para evitar contactos con outros acabados de nacer. Na zona de Pontevedra e o Salnés hai 279 casos activos. Pero a área sanitaria non facilita datos por concellos.

Os alcaldes das grandes cidades da provincia quéixanse de non estar recibindo datos sobre gromos nas súas áreas. Algo que lles impide facer recollidas de lixo separadas nos barrios máis afectados ou prestar especial limpeza en certas zonas da cidade.
 

Noticias web

04/09/2020