CRTVG

Buscar

Un barbancés teletraballa desde un veleiro

Publicado o 04/03/2021 14:21

Carlos é consultor de márketing e a chegada da pandemia animouno a poñer en práctica unha idea que levaba moito tempo madurando.

Hai seis meses xurdiu a oportunidade e adquiriu nas Canarias un veleiro de case 13 metros con dous camarotes, cociña, dous baños e salón. Nese espazo vive e traballa, ao tempo que desfruta dun maior contacto coa natureza. 

"Depende un pouco do momento do día, podo estar dentro ou estou fóra, ao mellor almorzo fóra e traballas alí, coas gaivotas chiando un pouco. Aínda que intento tamén facer moita vida fóra do barco cando podo".

Desde a súa experiencia, este barbancés de 41 anos cre que esta crise sanitaria traerá cambios positivos, un dos máis evidentes na organización do traballo.

"Hai xente á que lle gusta moito estar nunha oficina, cos seus amigos, porque xa son amigos, pero se sacrificas iso tes moito que gañar".

A próxima etapa da travesía vital de Carlos está no Mediterráneo, na costa francesa ou italiana, pero mentres tanto seguirá unha temporada no Hierro.

A pandemia de coronavirus obrigou a modificar e adaptar moitos dos nosos hábitos e rutinas cotiás, unha delas é a presencialidade no posto de traballo.

Ese é o caso de Carlos Chávez, un barbancés de 41 anos, que se reiventou coa chegada da crise sanitaria e agora vive e teletraballa desde un veleiro atracado na illa canaria do Hierro.

Noticias web

04/03/2021