CRTVG

Buscar

Un axente da Policía Nacional está detido por asasinar a súa parella en Olot

Publicado o 20/04/2019 21:31

O concello xerundense de Olot decretaba tres días de loito oficial e celebraba ás oito desta tarde unha concentración multitudinaria de repulsa contra este crime machista.

Foi a filla da muller asasinada quen atopaba o corpo sen vida da súa nai cando regresaba á casa a primeira hora desta mañá.

Avisaba os Mossos d'Esquadra e varias dotacións policiais desprazábanse ao lugar dos feitos.

No domicilio atopaban o cadáver da muller con signos evidentes de violencia. Presentaba feridas de bala e de arma branca ou dun obxecto punzante.

No interior do piso tamén permanecía a parella da vítima, un axente da Policía Nacional, de 38 anos. Intentara suicidarse disparándose á cabeza coa arma regulamentaria.

Os Mossos detivérono como presunto autor deste crime machista.
Permanece ferido grave pero non se teme pola súa vida.

A vítima tiña dous fillos dun matrimonio anterior.

Segundo a veciñanza, iniciara a relación co axente da Policía había poucos meses.

O corpo da muller foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Cataluña, en Xirona, para practicarlle a autopsia.

De confirmárense os feitos, sería a vítima número 17 da violencia machista no que vai de 2019.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/04/2019