CRTVG

Buscar

Aterra sen problemas o avión canadense con danos nunha roda

Publicado o 04/02/2020 08:54

Seguridade Aérea investiga as causas polas que estourou a roda do avión con destino Canadá que tivo que aterrar de emerxencia onte en Barajas. Estivo case cinco horas dando voltas para soltar combustible, o que obrigou ao despregamento dun gran dispositivo de emerxencia. 

Tras case cinco horas de incerteza e moitos nervios, poucos minutos despois das sete da tarde remataba o pesadelo. Un vídeo gravado dentro do avión captaba o momento da aterraxe. Unha manobra que se vivía con silencio e respiración contida mentres a nave tomaba terra e que remataba cos aplausos dos pasaxeiros para mostrar o alivio e loubar a pericia do piloto.

Os problemas no boeing 767 comezaban pasadas as dúas e media da tarde, tras engalar con destino Toronto. Estouraba unha roda e danaba o motor esquerdo.

"Foi ao pouco de engalar, notamos que rebentara unha roda. Empezou a ulir a queimado. Foi o momento de máis tensión", conta este pasaxeiro.

"En todo momento nos ían informando", conta estoutro. 

O propio comandante informaba de que ían soltar combustible para poder aterrar de emerxencia.

Voz comandante do avión de Air Canadá: "Como estamos moi pesados en cuestión de combustible, temos que desfacernos un pouco de combustible antes de poder aterrar, aterraremos en cuestión duns minutos máis, cando esteamos listos para a aterraxe, informaremos. Dámosvos as grazas pola súa confirmación e a súa paciencia e pedimos calma e moita paciencia gracias.

Foron momentos de tensión para os 128 pasaxeiros, entre eles dous bebés, pero tamén as familias que agardaban noticias en terra.

"Seguino por Internet, e vin que ían intentar aterrar e que podía ser perigosísimo", conta o pai dunha pasaxeira. 

Mentres daba voltas para soltar combustible, un caza F-18 do Exército do Aire achegouse ao boeing para avaliar os danos. 37 minutos despois, o boeing aterraba con éxito. Un amplo dispositivo de emerxencia esperábao en Baraxas.

"Hai que felicitar a todo o mundo, a todos os que tiveron algo de participación", dicía José Antonio Álvarez, director do aeroporto.  

O ministro de Fomento estivo á fronte do comité de crise.

"Celebrar a pericia do piloto e da tripulación e acompañar o sentimento que puideron ter os pasaxeiros", dicía Ábalos. 

Así era recibida a tripulación ao aterrar, o comandante, dous pilotos e as azafatas escoltados pola Policía Nacional.

Final feliz para unha incidencia aérea que acaparou a atención de medio mundo e que investigarán agora as autoridades de seguridade aérea.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí