CRTVG

Buscar

Un autotransplante de células consegue erradicar un cancro de mama en estado avanzado

Publicado o 05/06/2018 21:15

É unha noticia esperanzadora para a loita contra o cancro. Por primeira vez, un autotransplante de células consegue erradicar un cancro de mama en estado avanzado nunha paciente que sufría metástase. O tratamento aplicouse de xeito experimental nun hospital dos Estados Unidos.

A paciente, de 49 anos, sufría un cancro de mama en estado avanzado que se estendera a outros órganos. Dábanlle pouca esperanza de vida. Tras fracasar a quimioterapia convencional, sometérona a un tratamento experimental con inmunoterapia. Secuenciaron o seu xenoma e identificaron 62 mutacións específicas do seu cancro. Ao mesmo tempo extraéronlle linfocitos, células do seu sistema inmune capaces de identificar catro das moléculas mutadas. Cultiváronos e inxectaron 80 mil millóns destas células no organismo da paciente. Seis semanas despois, os tumores reducíranse á metade. Un ano despois, desapareceran, e hoxe, despois de dous anos, segue sen haber rastro da enfermidade.

Os resultados, segundo os investigadores, son prometedores, xa que ofrecen novas posibilidades para combater o cancro en estados avanzados. Aínda así, aseguran que hai que testar o tratamento nun ensaio clínico a grande escala.

Noticias web

05/06/2018