CRTVG

Buscar

Un condutor bébedo provoca un atropelo masivo en Alemaña con cinco mortos

Publicado o 01/12/2020 21:19

• Hai unha quincena de feridos, algúns deles graves

• Entre os falecidos hai un bebé de nove meses

Cinco persoas morreron, entre elas un bebé de nove meses, nun atropelo masivo intencionado, provocado por un alemán de 51 anos, que foi detido minutos despois, e que irrompeu co seu coche nunha zona peonil de Tréveris (oeste de Alemaña).

Segundo informaron fontes da investigación, o home accedeu co seu todoterreo ás rúas peonís do centro da cidade, pouco despois da 13.45 hora local e percorreu varios centenares de metros facendo zigzag para atropelar transeúntes e arroiar postos comerciais.

Apenas catro minutos máis tarde, cando saíu a unha rúa con tráfico rodado, foi interceptado por varios coches de policía que foran alertado e detido a pesar de que presentou resistencia. O frontal do vehículo presentaba evidentes danos.

Os falecidos son un bebe de nove meses (a súa nai resultou ferida), unha muller de 25 anos, un home de 45 e unha muller de 73. A quinta vítima morreu horas despois no hospital como consecuencia das feridas. Ademais contabilizáronse unha quincena de feridos, entre os que hai varios de extrema gravidade.

A Fiscalía de Trier explicou que o sospeitoso é un home de 51 anos con nacionalidade alemá, que naceu en Tréveris e que residía nos arredores da cidade, aínda que pasara os últimos días "no seu vehículo". Varios medios locais identificárono como Bernd W. O detido, que estaba fortemente alcoholizado ao ser arrestado (1,4 mg/ l de aire expirado, moi por encima do límite legal de 0,25 mg/ l) e non tiña antecedentes, aínda que se está investigando que puidese ter algún "trastorno psiquiátrico", xa que recentemente fixéronselle unhas probas.

Investígaselle por cinco presuntos delitos de asasinato e "moitos máis" de intento de asasinato ao entender que se tratou dun acto "malintencionado" no que se empregou o coche "como unha arma". Descoñécese o móbil dos actos.

Este mércores está previsto que pase a disposición xudicial e está por ver se queda en prisión preventiva ou se se lle interna nunha institución psiquiátrica, indicou a Fiscalía de Trier. Ao parecer prestou declaración #ante a policía.