CRTVG

Buscar

Un atentado do Estado Islámico deixa en Kabul polo menos 63 mortos e 182 feridos

Publicado o 18/08/2019 23:29

En Kabul, un atentado terrorista nun salón de vodas durante un banquete deixou, polo menos, 63 mortos e 182 feridos. Os xihadistas do Estado Islámico proclamáronse autores do masacre, que foi condenado enerxicamente polo goberno e os talibáns afgáns.

Os banquetes en Kabul contan adoito con centos de convidados, polo que precisan naves moi grandes, coma era o caso desta ao oeste da capital afgá. Alí puido coarse onte pola noite o terrorista suicida que pouco despois das dez e media, horal local, fixo estoupar o artefacto que portaba. Nun salón onde se segregan os comensais por sexos, escolleu a parte masculina. A ese estoupido uniúselle o dun coche bomba ás portas. Segundo os primeiros datos, 63 persoas morreron e 182 quedaron feridas. A maioría eran homes, aínda que entre as vítimas tamén hai nenos e mulleres. Mentres as autoridades fan reconto e a cidade loita por recobrar o pulso normal, nos hospitais dificilmente dan abasto tras o que xa é o peor atentado en Kabul en anos. Pola súa canle habitual de Telegram, os xihadistas do Estado Islámico xa se proclamaron autores do masacre, cualificado como "odioso e inhumano" polo goberno afgán. E tamén o condenaron enerxicamente os talibáns locais, do denominado Emirato Islámico. Non é allea a esta censura a proximidade dun acordo longamente negociado entre esta insurxencia e os Estados Unidos para pechar dúas décadas de conflito armado.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019