Un asistente de condución fabricado en Galicia advirte os condutores dos perigos na estrada
En dous meses chegará ao mercado un novo sistema de seguridade na condución ideado por unha empresa galega.
Entre hoxe e mañá están realizando as probas de lanzamento polas rúas do Parque Tecnolóxico de Galicia. Trátase dunha especie de copiloto que advirte o condutor dos perigos que hai na rúa co obxectivo de reducir a sinistralidade por distraccións.
"Este é un sistema avanzado de axuda á condución", explica Ángel Rodríguez, enxeñeiro da empresa que o puxo en marcha.
En canto o coche colle unha velocidade excesiva, o sistema avísanos. Tamén advirte dun perigo inminente de choque: "Temos o vehículo demasiado preto e o sistema advírtenos de que hai risco de colisión".
Os sinais de circulación tamén están incorporados no sistema. Cunha cámara, un ordenador, unha pantalla e dous anos e medio de investigación, a empresa Xesol Innovation, con sede en Vigo e Ourense, desenvolveu este sistema premiado pola Unión Europea pola súa accesibilidade.
Raúl Touza, Xesol Innovation: "Entre o prezo e que a instalación é moi sinxela, permite integralo en calquera tipo de vehículo".
Calculan que estará no mercado en menos de dous meses a un prezo de 540 euros.