CRTVG

Buscar

Un artesán de Ourense recupera a tradición sombreireira cos seus toucados e diademas

Publicado o 27/04/2018 21:21

Os sombreireiros son quen de facer alquimia con case calquera tipo de material, para lle poñer a guinda ao noso estilo. As súas creacións mesturan imaxinación, talento e moita técnica.

É habitual velos en eventos e celebracións, pero tamén cada vez máis polas rúas. Os sombreiros, as diademas e os toucados van recuperando o oco que perderon durante décadas. O que é realmente complicado é atopar artesáns que tomaran a súa fabricación como oficio. Pois ben, hoxe imos coñecer un deles.

Foi no ano 2006 cando Félix comezou a elaborar os seus primeiros deseños. Un oficio o seu, que asegura non escolleu senón que foi a sombreirería a que o elixiu a el.

"É un oficio que estivo case a piques de desaparecer, entón moitas das técnicas dos antigos sombreireiros ao mellor desapareceron, e con eles desapareceu a súa forma de facer. Entón hai que volver retomar todo iso."

E é precisamente dese xeito como traballan neste taller. Todo empeza cun cono de feltro de calquera material, que tratan con aprestos naturais. Se é preciso tinxen a man. O alisado, o conformado, os remates... todo se fai manualmente entre estas catro paredes.

"Estamos falando de adornar a testa, a cabeza, é o top, o final, o cumio de. Entón aí permíteste unhas licenzas un pouco diferentes esteticamente co cal é un oficio moi, moi, moi artístico, entón necesitas beber doutros lados. Impepinablemente."

Hai que saber de volumes, de tecidos, de confección para atopar o deseño perfecto para cada ocasión. E apunta ademais que este oficio ten unhas técnicas moi definidas. Pero a formación e a investigación resultan tamén imprescindibles. "Iso é o que fai que este oficio á parte do estético sexa tamén moi apaixonante, porque tes que ter un labor de investigación bastante importante á hora de conseguir técnicas que nos parecen novas, pero resulta que levan ao mellor 200 anos aí, o que pasa é que se perderan."

Esta de Ourense é unhas das poucas sombreirerías catalogadas no rexistro de artesanía de Galicia. Unha aposta pola tradición dun oficio presente en boa parte da nosa historia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/04/2018