Un apaixonado do cinema rexenta a sala de Leiro, unha das tres que quedan na provincia
A relación de Ernesto co mundo do cinema xa foi levada á gran pantalla. O paralelismo que a súa historia garda coa do pequeno Salvatore de Cinema Paradiso é sorprendente, agás no final
Ernesto Romero, propietario de Novocine Leiro: "O cine estaba cerrado, como en Cinema Paradiso, pero eu, ao pasar os anos, volvín á aldea e abrín o cine. É parecido, pero é distinto: o cine non se derruba, senón que se constrúe outro e segue funcionando".
Comezou como axudante no antigo cine de Leiro. Foi á mili e regresou coa idea de abrir a súa propia sala. Púxoa en marcha en 1983, pero pechou ao cabo dos anos pola falta de espectadores. Retomou o proxecto en 2009 e deu o salto á dixitalización e ao formato en 3D. Triunfou coa película Avatar.
Ernesto Romero, propietario de Novocine Leiro: "E aí xa foi un caso que... día tras día sesións coa capacidade chea, mesmo tiven sesións pola mañá".
Dende entón, ten público de toda a contorna.
Os espectadores comentan: "Para nós, que vivimos no rural, é máis cómodo, que non temos que desprazarnos a Ourense para ver unha película. E son a unhas horas moi boas en que os nenos poden vir e desfrutar un pouco". "Vou ver unha peli moi interesante que é moi chula. E vou comer estes flocos de millo, coas larpeiradas, Chasquis e gomas de mascar".
O clásico de Giuseppe Tornattore marcou a vida de Ernesto. E aínda a marca. Hoxe en día mantén contacto co actor Salvatore Cascio que dá vida ao neno protagonista.
Ernesto Romero, propietario de Novocine Leiro: "De feito, téñoo agregado no Facebook e mándame enlaces de entrevistas que lle fan e iso. Espero mandarlle tamén este enlace para que vexa que nos acordamos del".
Apaixonado de todo o que rodea o cinema, posúe unha boa colección de gramófonos e obxectos que crean maxia na pantalla. Na súa casa a banda sonora dos grandes clásicos non pode deixar de soar.