CRTVG

Buscar

Un ano de prisión para cada un dos dous acusados de levar unha nena en Viveiro

Publicado o 07/11/2017 09:05

E en Lugo houbo outro xuízo que xa ten condena. Caeulles un ano de cárcere a cada un dos dous acusados de subtraer unha nena de dous anos do domicilio do seu pai e dos seus avós paternos en Viveiro. Entre os raptores está a nai da pequena, que se desentendera dela dende o nacemento.

Amanda Rodríguez Mato e Juan Manuel Couso Batalla foron condenados a senllas penas dun ano de cadea polos delitos de violación de morada e subtracción de menores. En maio de 2015, acudiron en Viveiro ao domicilio da filla da acusada, que se desentendera dela dende o seu nacemento. Unha vez alí, empurraron e golpearon o seu avó e arrebatáronlle á avoa a súa neta, de dous anos de idade. Logo fuxiron á casa do pai do acusado, na parroquia focega de Fazouro. Ante a súa negativa a que quedasen os tres na vivenda, os raptores levaron a meniña de volta a Viveiro, onde puido ser recuperada pola Garda Civil en perfecto estado. 

Nun principio, a Fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo pedía para os acusados unhas penas que sumaban doce anos de prisión, polos delitos de violación de morada, subtracción de menores, lesións e danos. Tras a rebaixa das penas solicitadas, os raptores da nena deron a súa conformidade. A súa condena a un ano de cadea poderá ser conmutada por un ano de internamento nun centro de tratamento psiquiátrico. Ademais, deberán indemnizar o avó da nena coa cantidade de 3.500 euros polas secuelas e de 200 euros polos danos na porta da súa casa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2017