CRTVG

Buscar

Un ancián de Friol está a sufrir roubos na casa, o último cun botín duns 1.000 euros

Publicado o 12/04/2019 16:56

Manuel Martínez, un veciño de Friol de 92 anos de idade, sufriu un roubo no seu domicilio no centro da vila. Os ladróns entraron na súa casa pola parte traseira e foron directos aos dous lugares do inmoble en que o ancián gardaba cartos en metálico. Colléronlle uns 800 euros que tiña no peto do pantalón e outros 1.000 que gardaba nunha caixa no baixo da vivenda. O home di que o roubo se produciu durante a noite e que nin viu nin escoitou os autores. Recoñece tamén que o acceso á casa era bastante doado porque nin as portas nin as ventás estaban trancadas.

"Eu non oín nada. Nin tampouco os vin. Viñeron de noite e foron directos polos cartos".

O home vive só na casa, onde rexentou durante anos un negocio de electrodomésticos. Malia sufrir o roubo, cre que tivo sorte de non decatarse do que pasaba porque os ladróns puidérono agredir. Aínda que non sospeita de ninguén en concreto, opina que o autor ou autores do roubo teñen que ser coñecidos seus ou alguén que estivo na casa porque sabían onde estaban os cartos. Tamén lle parece raro que non levaran ningún dos artigos que quedaron sen vender despois de pechar o negocio.

"Eu creo que teñen que ser coñecidos pero non sei quen puido ser. Tamén tiñan fácil entrar aquí. Agora xa pechei todo".

Manuel xa presentou denuncia polo acontecido ante a Garda Civil pero di que non está tranquilo porque o feito de vivir só, a súa avanzada idade e os problemas que ten para se mover deixaríano indefenso ante un novo asalto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/04/2019