CRTVG

Buscar

Un aeroporto internacional na Lanzada

Publicado o 27/01/2020 17:53

Moitos dos que nos achegamos á praia da Lanzada no verán e aparcamos no seu amplo aparcadoiro, non somos conscientes de que en realidade estamos aparcando nunha pista de aterraxe. Construída hai 70 anos, esta pista constituía a primeira fase do futuro aeroporto intercontinental do Lanzada - A Toxa, un dos macroproxectos urbanísticos que a piques estiveron de rematar coa singularidade e a riqueza natural da maior reserva ornitolóxica de España. 

O areal da Lanzada e o Complexo Intermareal Umia - O Grove son lugares privilexiados polos seus valores naturais. Poucos saben que o complexo dunar e a gran biodiversidade que acolle estiveron a piques de desaparecer. A súa conservación é un verdadeiro milagre, sobre todo, coa frustrada construción nos anos 50 dun aeroporto intercontinental. Del só queda a que ía ser a pista de aterraxe, reconvertida nun enorme aparcadoiro.

Esta pista de aterraxe de 50 metros de ancho e uns 500 de longo custou en 1953 un millón e medio de pesetas. A inauguración do aeroporto de Peinador en Vigo naquel ano frustrou o proxecto que durante anos ameazou unha superficie de 5.000 metros cadrados da Lanzada. Un espazo xa castigado coa extracción de áridos e a apertura de pozos para a subministración de auga potable.

Se saíse adiante calquera doas macroproxectos do franquismo, o concello do Grove non podería presumir desa terceira parte de territorio local protexido, declarada a maior reserva ornitolóxica de España pola organización internacional SEO/BirdLife.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020