Un adulto poderá acompañar ata tres nenos á vez, un máximo dunha hora e ata 1 km da casa
• O vicepresidente pídelles desculpas aos nenos e nenas: "É evidente que non comunicamos ben"
• Os parques seguen vedados, pero si que se poderá levar unha pelota ou un monopatín
Seis millóns de nenos menores de 14 anos poderán saír das súas casas desde o domingo para dar un paseo. Poderá ser unha vez ao día, durante unha hora como máximo, entre as nove da mañá e as nove da noite, ata unha distancia do seu domicilio non maior dun quilómetro.
A orde será publicada este sábado, e nela se especificará tamén que as saídas dos nenos deberán levar a compaña dun adulto co que convivan. Un adulto poderá acompañar ata tres nenos xuntos. Terán que gardar unha distancia mínima dun metro entre si, e o Goberno recomenda o uso de máscaras, aínda que non é obrigatorio.
Outra das concrecións anunciadas hoxe polo vicepresidente Pablo Iglesias e o ministro de Sanidade, Salvador Illa, é que os pequenos poderán saír cunha pelota ou cun monopatín, pero os parques e zonas comunitarias das urbanizacións seguirán vedadas para evitar o contacto.
Estas son as normas para que os nenos poidan saír pasear | CRTVG https://t.co/wUDnkJdvFX pic.twitter.com/2NFVQEyBbT
— G24 (@G24Noticias) April 23, 2020
O vicepresidente do Goberno dirixiuse directamente aos menores para pedirlles perdón: "Quero pedirvos desculpas porque non fomos todo o claros que deberiamos", dixo. E engadiu que "é evidente que non comunicamos ben", polo que, tras as críticas "razoables" e o "malestar social evidente", o Goberno rectificou.
Respecto a como se vai garantir o cumprimento destas medidas, Iglesias dixo que se o confinamento está cumpríndose en España é grazas ao "enorme sentido cívico" da cidadanía, e por esa razón amosou a súa confianza en que se van acatar.
A medida, que entra en vigor o domingo, tómase despois de escoitar expertos de varios ámbitos.