CRTVG

Buscar

Un accidente en Sober deixa tres feridos e retencións quilométricas

Publicado o 09/07/2019 19:32

Non houbo que lamentar ningunha morte pero a condutora dun turismo que colidiu frontalmente cunha furgoneta tivo que ser excarcerada e evacuada en helicóptero. A Nacional 120 permaneceu cortada máis dunha hora e media esta tarde por mor dun grave accidente de circulación que provocou colas quilométricas. 

O estado en que quedou o vehículo que conducía a ferida máis grave da boa mostra do impacto que sufriu. A muller non puido evitar o impacto frontal dunha furgoneta de reparto farmacéutico. "O condutor da furgoneta por motivos que se descoñecen invadiu o arril do outro vehículo", afirma o responsable do dispositivo da Garda Civil

Ata o lugar desprazárone os servizos de emerxencias e efectivos dos bombeiros de Monforte. O condutor da furgoneta e o ocupante do turismo sufriron só feridas leves e foron atendidos no hospital de Monforte. A condutora tivo que ser excarcerada e evacuada por un helicóptero medicalizado ao hospital Lucus Augusti de Lugo.

 "Había dúas vítimas. O acompañante saiu polos seus propios medios e a condutora foi a que houbo que excarcerar. Estaba atrapada por pernas e brazos, e excarceramos por onde nos dixeron. Houbo que sacar teito e portas", afirma o cabo dos Bombeiros de Monforte

O accidente provocou o corte da Nacional 120 durante máis dunha hora e media e atascos quilométricos en ámbolos dous sentidos da circulación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí