CRTVG

Buscar

Un 14-F atípico con votacións en polideportivos, mercados, teatros e igrexas

Publicado o 14/02/2021 08:50

Votar en tempos de pandemia inclúe moitos elementos relacionados coa excepcionalidade. Entre outros, a conversión en colexios electorais de lugares impensables hai só un ano. Por exemplo, os polideportivos convértense en solución recorrente pola súa amplitude e tamén se poderá emitir o sufraxio no Auditorio do Camp Nou barcelonés e no estadio de fútbol do Nástic de Tarragona.

Numerosos mercados de abastos compatibilizarán a actividade habitual coas urnas. Este é o de San Antoni, en Barcelona, un edificio modernista emblemático que alberga baixo o seu teito a alimentación de calidade e ademais os domingos abría ducias de postos con libros antigos e de ocasión e tamén discos. Todo un paraíso para coleccionistas. Hoxe incorpora 29 mesas electorais, e outros sete mercados da cidade condal fan o mesmo.

Entre os lugares non habituais de voto destaca tamén a praza de touros de Tarragona. A súa actividade relacionada coas reses bravas é inexistente pola prohibición da festa taurina, pero convértese en territorio electoral este domingo. E a carón desta rara excepcionalidade habería que citar igrexas, que tiñan a ocupación restrinxida ao 30 por cento, algúns teatros e vestíbulos de hoteis como referentes por un día para electores obrigados a adaptarse e evitar o despiste.

Noticias web

14/02/2021