CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Un 14 de novembro de 1916 nace 'A Nosa Terra'

Publicado o 14/11/2017 17:13

O 14 de novembro de 1916 - con oito páxinas - sae na Coruña o primeiro número do xornal A Nosa Terra, unha das cabeceiras históricas do nacionalismo galego.

En febreiro de 1932, convértese no voceiro oficial do Partido Galeguista, e traslada a redacción da Coruña a Pontevedra.

A Nosa Terra xogará un papel fundamental na dinamización e propaganda do nacionalismo galego nesa época. No xornal colaboran os intelectuais galeguistas, encargándose das ilustracións, entroutros, Castelao.

A represión franquista fixo do xornal un dos seus obxectivos, sendo fusilados no 36, o editor Ánxel Casal e o director Víctor Casas.

Desde a guerra civil, o xornal volveu sair esporádicamente en Bos Aires, sosténdose co apoio de emigrantes e exiliados.

En decembro do 77 reaparece a cabeceira en Galicia, sendo durante moitos anos a única publicación escrita íntegramente en galego.

En agosto de 2010 a empresa editora anunciou a suspensión de pagos e o peche do semanario. Durante un ano seguiu actualizándose a edición electrónica, que se clausurou definitivamente o 23 de setembro de 2011.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Zigzag Diario

14/11/2017