Ultimato do Concello de Ponteceso ao dono do baixo que provocou o desaloxo de tres familias
O Concello de Ponteceso dálle un ultimato ao dono deste baixo para que realice debidamente as obras de apuntalamento das paredes que garantan a estabilidade do inmoble, despois de que, sen licenza, realizara un buraco nun muro de carga do edificio.
O informe do técnico municipal deixa claro que os traballos que fixo onte á tarde o propietario non son válidos, e as tres familias residentes na parte superior do edificio continúan sen poder volver aos seus domicilios.
Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso, explica que "o Concello vaille dar un prazo de 24 horas á propiedade para que, cunha empresa especializada, leve a cabo os labores de apuntalamento ou de corrección das cousas que fixo que provocaron esta inestabilidade. O que está claro é que a máxima prioridade é que esas tres familias que tiveron que deixar os seus domicilios volvan ás súas casas".
Se non se atén a ese prazo, será o Concello o que acometa de forma subsidiaria as obras, valoradas nuns 6.000 euros, ademais do expediente de reposición da legalidade aberto.